jueves, enero 18, 2007

¿BAILAMOS?


Gústame bailar, picar no chan, dar voltas, facer puntos ou moverme segundo a música, sentirme libre…Danzar nas palabras e lecturas que máis aprecio, compartir bailes cos que máis quero, conversas acompañadas de cafeína. Intercambiar sorrisos, bicos, apertas…Ser eu en cada un dos pasos e vaivéns deste barco ó ritmo das ondas e ver como vós danzades... ¿Bailamos?

jueves, enero 04, 2007

LENTES NOVAS, ¿PERCEPCIÓNS NOVAS?


Quen me coñece sabe de boa tinta que eu sen as miñas lentes non son a mesma. Creo que anque non as tivera que usar (que non me queda outra, pois fanme boa falta) chegaría un momento en que o faría de todos xeitos. Diredes que se me vai un pouco a cachola, pero para min son un complemento esencial e estéticamente as de pasta, gústanme moito. Sucédeme tamén cos sombreiros e os pendentes
Moitas veces digo que son fan de Lola Herrera, a que presenta os deportes en Antena 3. Cada día leva unhas gafas diferentes, acordes coa cor da súa chaqueta, anque hai que recoñecer que algunhas son demasiado extravagantes. A min gustaríame ter varios pares e poñer cada un segundo o meu humor, a roupa, a ocasión… ao fin e ao cabo creo que expresan bastante de min.
Cando non as levo, evidentemente sigo sendo eu jaja, pero non me sinto igual, vaia, é coma se me faltase un caparazón. Así e todo, as lentillas gústanme para as noites de saída e algún que outro acontecemento, pois non todo van ser monturas, tamén hai que cambiar. De vez en cando hai que deixar ver o que hai máis alá deses centímetros de cristal, os mesmos olliños daquela nena de seis anos que parecía oriental. Dinme que a forma dos meus ollos se parece a da miña tartaravoa, así que a cousa vén de lonxe.

Despois de estar 7 anos coas mesmas lentes, a semana pasada merquei unhas novas (ano novo, lentes novas…). Aínda non mas deron, pero son o meu regalo de reis. É o momento de ver as cousas dende ángulos diferentes, con outras perspectivas.
Pensándoo ben… non me importaría ser a imaxe publicitaria dunha óptica, hahaha, igual me fan descontos nas lentes.

CREBADEIROS DE CABEZA


Sinto, meus navegantes, que este é o curso do crebacabezas, o curso da típica pregunta… ¿e despois que vas facer?
Anque quixese contar ás persoas que ma fixeron, creo que non podería, foron tantas que perdín a conta. O curioso é que eu aos demais tamén lle pregunto o mesmo. Estamos na época. Último ano de carreira, cada un empeza a tirar polo seu lado…
De momento teño ata abril de prácticas na Radio Galega, en informativos. Rematei o turno de tarde coa vagancia de ter que cambiar e adaptarme a outra xente e dinámica, pero hai que pasar por todos para ver o que hai e o máis importante: aprender. Despois… ¿e despois? O que veña.
Supoño que o que máis e o que menos estamos así ou pasamos por isto, son as regras do “facerse maior” e non quero raiar máis con isto porque se empezan a alviscar síntomas do síndrome de Peter Pan.
Gozade do baño neste mar de peripecias e noutros tantos por aí dispersos.

miércoles, enero 03, 2007

POLOS DÍAS QUE VIRÁN
Lamento non dedicar máis tempo a este recuncho, a verdade é que últimamente non me deteño a pensar para escribir con adornos. Botávao de menos, pero non sabía cando sacarlle un anaco ó tempo. Os primeiros días deste ano son boa época para exprimir un chisco o pensamento e…velaquí me tendes.
Estas palabras dedícoas á incerteza dos días que virán neste 2007. Mais non quero determe tanto no futuro, pois non é bo, del nunca se sabe.
Primeiro o presente. Está claro que hai que ser consciente del, sobre todo para sacar o máximo partido aos momentos bos. O outro deixémolo estar, xa chegará o momento de pensar nel cando veña.
Hoxe empecei novo turno de prácticas. Tócame pola mañá. Volvo estar soa es Santiago, coma en verán, a diferencia é que só son tres días. Son estes momentos solitarios os que me levan a cavilar escribindo. Mira que se lle dan voltas á cabeza cando unha está soa
Son días de facer balance na política, na economía, nos hábitos sociais e…na vida de cada un o ano anterior.
Atrás queda terceiro de xornalismo, as festas de paso de ecuador, o verán de prácticas coa calor da cidade das estrelas, o carneiro 06, os trinta e pico graos de Túnez en outubro, o cheiro a especias… Monastir, El Jem, Douz, Matmata, Chebika, etc xa son camiño andado (un anfiteatro, un lago salado, un deserto e uns dromedarios, un carro de cabalos, un todoterreo…). Saboreamos o tabaco de froitas, a cervexa tunecina (Celtia), os postres de dátil e iso que era Ramadán jaja!!

As luces de Nadal de Viena, que pronto se recollerán, estaban alí cando pasamos…O mercado do Rahaus ateigado de xente que bebía punch, chocolate ou comía da variedade de lambetadas que había. Queda atrás o ano de Mozart, pero a súa figura permanece viva terra do músico. O mesmo que o mito Sissi e os seus ampulosos pazos…por alí estivemos. Xardíns sen flores, metros, tranvías, carro de cabalos, paseos por Museum Squartier, moitas rúas que acaban en strasse, a ópera, o Parlamento…Velaí outro camiño no que nos cruzamos co bico de Gustav Klimt e cos olores a melange e pizza. Unha infinidade de cousas que tardaría en describir e que mellor é ver, ser testemuña sen resumilas, vivilas. Así, isto non é máis que unha nota breve a pé de páxina, concretamente a do meu ronsel.