miércoles, junio 20, 2007

A MULLER DO AUTOBÚS


- Menudo cabreo leva o condutor –dicía ela entre risas -.
- Si, pero é porque levamos máis de media hora en caravana- respondín mentres pasaba as follas de Entrevista con la historia-
- Claro, é que aquí son as festas de Pascua.

Este foi o inicio dunha de tantas conversas que quedan gravadas na mente por un tempo. Unha parrafada de viaxe en autobús, desas nas que descobres unha vida.

A muller debía ter preto de 73 anos. Contoume que era de Pontecesures e que viña de visitar á súa irmá maior, que tiña casa en Extramundi. Sentíase soa e falábame sen que eu lle preguntase. Vestía de loito porque o seu home morrera hai ano e medio.
- Sen el non é o mesmo, dicía. Antes ía máis a ver a miña irmá, pero agora como teño que ir soa…

Malia apreciar nas súas palabras o baleiro dunha persoa que xa non está, ela era consciente de que a vida seguía e había que roela.

Eu tamén lle fun adiantando cousas sobre min, simplemente respondendo ás preguntas que me facía dun xeito prudente. Notaba que tiña medo a que me molestase a súa curiosidade, pero a expresión do seu rostro transmitíame gana de falar con ela.
Era unha tarde de domingo na que eu estaba desexando chegar á casa e naquel atasco de tráfico a conversa semellaba un dos mellores remedios.

- Supoño que vostede terá présa, alguén estará esperándoa, dicíame.

En realidade, eu non tiña apuro e aproveitaba a caravana para adiantar a lectura. Conteille que se en lugar de ir para a miña casa fose para Santiago, seguro que si levaría présa.
Foi a partir de aí cando a muller, da que non coñecín o nome, soubo que eu non estaba casada, que estudiaba na universidade o último ano da carreira de xornalismo e que estaba facendo prácticas na radio.
Faloume do seu fillo, tamén era xornalista, vivía coa súa familia en Ribeira e hai un tempo vencera a batalla a un infarto de miocardio.
- Moito estrés, comentou. Ten bastante responsabilidade no seu traballo.

Silencio……………………………………………………………………………

Así foi o resto do camiño. Tras matar un chisco de tempo coa fala, as dúas quedamos caladas. Eu pensando quen era o seu fillo, tiña lido algo del no xornal. Ela quizais en chegar á súa casa porque xa se lle facía tarde. As dúas estabamos máis tranquilas, porque polo menos xa sabiamos un chisco da persoa que tiñamos diante.
Dende ese día, sei que en Pontecesures vive unha muller viúva, de ollos claros, cunha forma de falar que me inspiraba tenrura. Unha muller que a primeira vista me esbozou unha vida que non era a miña e que durante a conversa eu fun correxindo con goma de borrar e lapis. Os matices que eu ía facendo e as súas frases espontáneas foron as que deron vida a este curioso diálogo.