Lembro que o día que falamos con el nos dixo que adoitaba decepcionar a aqueles que o coñecían en persoa. El é así, aparece e desaparece cando menos o esperas.
Noctámbulo infinito e malabarista de aforismos. Creador dun mundo que o salvou de moitas consultas de psiquiatra.
Alvite e o
Savoy, ese local rexentado por Ernie Loquasto. A metáfora e o insomnio nunha mesma persoa. Sinatra, unha das súas voces favoritas e o jazz unha das súas músicas.
No fume do Savoy camúflanse perdedores e pesimistas, un boxeador retirado, un xornalista, un barman, as coristas, os gángsters...Son os personaxes de Alvite. En todos eles hai un pouco do seu creador.
Preguntámoslle ao xornalista por qué ese nome para o local e dixo que o escolleu coma outro calquera. Comentounos que o cantautor Ismael Serrano lle mandaba unha foto cada vez que vía un Savoy. Dende que eu descubrín as historias deste xornalista xa foron varios os Savoys que vin. Un deles en Dublín. Ademais da anécdota tamén quixen rescatar a foto.
Hoxe lembreime desta conversa porque ordenando os meus documentos no ordenador atopei o arquivo sonoro daquela tarde en Milladoiro con José Luis Alvite. Foi en marzo de 2006, cando facía terceiro de xornalismo.