miércoles, junio 20, 2007

A MULLER DO AUTOBÚS


- Menudo cabreo leva o condutor –dicía ela entre risas -.
- Si, pero é porque levamos máis de media hora en caravana- respondín mentres pasaba as follas de Entrevista con la historia-
- Claro, é que aquí son as festas de Pascua.

Este foi o inicio dunha de tantas conversas que quedan gravadas na mente por un tempo. Unha parrafada de viaxe en autobús, desas nas que descobres unha vida.

A muller debía ter preto de 73 anos. Contoume que era de Pontecesures e que viña de visitar á súa irmá maior, que tiña casa en Extramundi. Sentíase soa e falábame sen que eu lle preguntase. Vestía de loito porque o seu home morrera hai ano e medio.
- Sen el non é o mesmo, dicía. Antes ía máis a ver a miña irmá, pero agora como teño que ir soa…

Malia apreciar nas súas palabras o baleiro dunha persoa que xa non está, ela era consciente de que a vida seguía e había que roela.

Eu tamén lle fun adiantando cousas sobre min, simplemente respondendo ás preguntas que me facía dun xeito prudente. Notaba que tiña medo a que me molestase a súa curiosidade, pero a expresión do seu rostro transmitíame gana de falar con ela.
Era unha tarde de domingo na que eu estaba desexando chegar á casa e naquel atasco de tráfico a conversa semellaba un dos mellores remedios.

- Supoño que vostede terá présa, alguén estará esperándoa, dicíame.

En realidade, eu non tiña apuro e aproveitaba a caravana para adiantar a lectura. Conteille que se en lugar de ir para a miña casa fose para Santiago, seguro que si levaría présa.
Foi a partir de aí cando a muller, da que non coñecín o nome, soubo que eu non estaba casada, que estudiaba na universidade o último ano da carreira de xornalismo e que estaba facendo prácticas na radio.
Faloume do seu fillo, tamén era xornalista, vivía coa súa familia en Ribeira e hai un tempo vencera a batalla a un infarto de miocardio.
- Moito estrés, comentou. Ten bastante responsabilidade no seu traballo.

Silencio……………………………………………………………………………

Así foi o resto do camiño. Tras matar un chisco de tempo coa fala, as dúas quedamos caladas. Eu pensando quen era o seu fillo, tiña lido algo del no xornal. Ela quizais en chegar á súa casa porque xa se lle facía tarde. As dúas estabamos máis tranquilas, porque polo menos xa sabiamos un chisco da persoa que tiñamos diante.
Dende ese día, sei que en Pontecesures vive unha muller viúva, de ollos claros, cunha forma de falar que me inspiraba tenrura. Unha muller que a primeira vista me esbozou unha vida que non era a miña e que durante a conversa eu fun correxindo con goma de borrar e lapis. Os matices que eu ía facendo e as súas frases espontáneas foron as que deron vida a este curioso diálogo.

sábado, abril 07, 2007

CANDELA



Se hai alguén que nunca berra, esa é Candela, unha lección de paciencia, vitalidade e dozura. Un ser entrañable e soñador.
Cabelo liso e loiro, ollos verdes un chisco escondidos tras unhas lentes de pasta azul, un metro cincuenta e dous dunha estatura con pernas longas, esa é Candela.
Amante da xeografía, as viaxes da imaxinación, creadora do mundo no que lle gustaría residir. Nova York, Toronto, Vancouver, Canadá, Sydney… son algúns dos lugares aos que viaxan os seus soños. Por alí e por moitas cancións de fala inglesa pasean algunhas das súas ilusións aventureiras. Imaxes cargadas de luminosidade e que escapan das luces apagadas, pois Candela teme á penumbra. Quizais sexa porque é ela esa chama que loita por un punto de luz, o rastro natural da candea que alumbra.
Inxeniosa cos nomes cariñosos (Migüis, Albany, Milita e Danonino son só algúns deles). Amiga dos animais, sobre todo dos cans coma Lúa, a súa golden retriewer. Sosegada, nunca desespera e dálle leccións aos demais para que non o fagan.

Que… ¿quen é ela?
É Candela.

O misterio, unha das súas paixóns e Mary Higgins Clark e Stephen King só algúns dos que alentan ese afán. Unha afección que ás veces se traduce en insomnio, falta de sono que entretén coa música do seu mp3 e supoño que tamén dando voltas á cabeza e ao medo que a todos nos visita de cando en vez.

Calma personificada
Amiga dos amigos
Nómada soñadora
Dona da paciencia
Entrañable criatura
Lectora de fantasía
Aura clara da candea.

Esa é ela.



(NOTA: isto é algo así como un agasallo en escrito por eses 21 anos cumpridos máis os días que virán. Para que os que lean se fagan unha idea de como é

jueves, enero 18, 2007

¿BAILAMOS?


Gústame bailar, picar no chan, dar voltas, facer puntos ou moverme segundo a música, sentirme libre…Danzar nas palabras e lecturas que máis aprecio, compartir bailes cos que máis quero, conversas acompañadas de cafeína. Intercambiar sorrisos, bicos, apertas…Ser eu en cada un dos pasos e vaivéns deste barco ó ritmo das ondas e ver como vós danzades... ¿Bailamos?

jueves, enero 04, 2007

LENTES NOVAS, ¿PERCEPCIÓNS NOVAS?


Quen me coñece sabe de boa tinta que eu sen as miñas lentes non son a mesma. Creo que anque non as tivera que usar (que non me queda outra, pois fanme boa falta) chegaría un momento en que o faría de todos xeitos. Diredes que se me vai un pouco a cachola, pero para min son un complemento esencial e estéticamente as de pasta, gústanme moito. Sucédeme tamén cos sombreiros e os pendentes
Moitas veces digo que son fan de Lola Herrera, a que presenta os deportes en Antena 3. Cada día leva unhas gafas diferentes, acordes coa cor da súa chaqueta, anque hai que recoñecer que algunhas son demasiado extravagantes. A min gustaríame ter varios pares e poñer cada un segundo o meu humor, a roupa, a ocasión… ao fin e ao cabo creo que expresan bastante de min.
Cando non as levo, evidentemente sigo sendo eu jaja, pero non me sinto igual, vaia, é coma se me faltase un caparazón. Así e todo, as lentillas gústanme para as noites de saída e algún que outro acontecemento, pois non todo van ser monturas, tamén hai que cambiar. De vez en cando hai que deixar ver o que hai máis alá deses centímetros de cristal, os mesmos olliños daquela nena de seis anos que parecía oriental. Dinme que a forma dos meus ollos se parece a da miña tartaravoa, así que a cousa vén de lonxe.

Despois de estar 7 anos coas mesmas lentes, a semana pasada merquei unhas novas (ano novo, lentes novas…). Aínda non mas deron, pero son o meu regalo de reis. É o momento de ver as cousas dende ángulos diferentes, con outras perspectivas.
Pensándoo ben… non me importaría ser a imaxe publicitaria dunha óptica, hahaha, igual me fan descontos nas lentes.

CREBADEIROS DE CABEZA


Sinto, meus navegantes, que este é o curso do crebacabezas, o curso da típica pregunta… ¿e despois que vas facer?
Anque quixese contar ás persoas que ma fixeron, creo que non podería, foron tantas que perdín a conta. O curioso é que eu aos demais tamén lle pregunto o mesmo. Estamos na época. Último ano de carreira, cada un empeza a tirar polo seu lado…
De momento teño ata abril de prácticas na Radio Galega, en informativos. Rematei o turno de tarde coa vagancia de ter que cambiar e adaptarme a outra xente e dinámica, pero hai que pasar por todos para ver o que hai e o máis importante: aprender. Despois… ¿e despois? O que veña.
Supoño que o que máis e o que menos estamos así ou pasamos por isto, son as regras do “facerse maior” e non quero raiar máis con isto porque se empezan a alviscar síntomas do síndrome de Peter Pan.
Gozade do baño neste mar de peripecias e noutros tantos por aí dispersos.

miércoles, enero 03, 2007

POLOS DÍAS QUE VIRÁN
Lamento non dedicar máis tempo a este recuncho, a verdade é que últimamente non me deteño a pensar para escribir con adornos. Botávao de menos, pero non sabía cando sacarlle un anaco ó tempo. Os primeiros días deste ano son boa época para exprimir un chisco o pensamento e…velaquí me tendes.
Estas palabras dedícoas á incerteza dos días que virán neste 2007. Mais non quero determe tanto no futuro, pois non é bo, del nunca se sabe.
Primeiro o presente. Está claro que hai que ser consciente del, sobre todo para sacar o máximo partido aos momentos bos. O outro deixémolo estar, xa chegará o momento de pensar nel cando veña.
Hoxe empecei novo turno de prácticas. Tócame pola mañá. Volvo estar soa es Santiago, coma en verán, a diferencia é que só son tres días. Son estes momentos solitarios os que me levan a cavilar escribindo. Mira que se lle dan voltas á cabeza cando unha está soa
Son días de facer balance na política, na economía, nos hábitos sociais e…na vida de cada un o ano anterior.
Atrás queda terceiro de xornalismo, as festas de paso de ecuador, o verán de prácticas coa calor da cidade das estrelas, o carneiro 06, os trinta e pico graos de Túnez en outubro, o cheiro a especias… Monastir, El Jem, Douz, Matmata, Chebika, etc xa son camiño andado (un anfiteatro, un lago salado, un deserto e uns dromedarios, un carro de cabalos, un todoterreo…). Saboreamos o tabaco de froitas, a cervexa tunecina (Celtia), os postres de dátil e iso que era Ramadán jaja!!

As luces de Nadal de Viena, que pronto se recollerán, estaban alí cando pasamos…O mercado do Rahaus ateigado de xente que bebía punch, chocolate ou comía da variedade de lambetadas que había. Queda atrás o ano de Mozart, pero a súa figura permanece viva terra do músico. O mesmo que o mito Sissi e os seus ampulosos pazos…por alí estivemos. Xardíns sen flores, metros, tranvías, carro de cabalos, paseos por Museum Squartier, moitas rúas que acaban en strasse, a ópera, o Parlamento…Velaí outro camiño no que nos cruzamos co bico de Gustav Klimt e cos olores a melange e pizza. Unha infinidade de cousas que tardaría en describir e que mellor é ver, ser testemuña sen resumilas, vivilas. Así, isto non é máis que unha nota breve a pé de páxina, concretamente a do meu ronsel.

sábado, octubre 14, 2006

E... tras un mes de ausencia aquí estou outra vez, aínda cos efectos secundarios da miña estancia en Tunisia... mmmm, a vida alí pintaba diferente, pero resultou bonito coñecer algo máis dunha cultura distinta, vela dende máis cerca, ulila...
Agora volta a Compostela, último ano de carreira, polo que dende o meu punto de vista xa ten moito de especial, entre outras cousas, o remate dunha travesía marítima, por iso penso que hai que aproveitar estes meses ao máximo.

Bicos mariñeiros!!

viernes, septiembre 01, 2006

O ronsel do meu barco

Día despois de rematar as prácticas
Comeza setembro, onte rematei as prácticas en Galicia Hoxe, foi unha boa experiencia, pero agora toca abrir outras portas e cambiar de aires. Por un mes deixo Compostela, estou contenta, o balance foi bo e agora teño moitas ganas de bailar, bailar...da mesma forma que o fai Lupe Gómez, danzar nas palabras, no aire...
Setembro: relax, vacacións, desconexión...
Estou pouco inspirada e escribo a modo de telegrama, asi que deixo de teclear pq ata me pesan os dedos (poucas horas durmidas, e é que a despedida é a despedida e había que celebralo, anque..."brindemos que hoy es siempre todavía, que nunca me gustaron las despedidas"). Ás veces é mellor camuflalo todo dun ata logo! Así que.... ata logo a todos!!!



Saudos do océano!!

jueves, agosto 31, 2006

Despois de insistirme Sara para que abrise un curruncho na rede e despois de estarlle dando voltas e voltas, ao final...animeime. En realidade non sei por canto durará isto de deixar o ronsel das miñas vivencias por estes lares, pois como a maioría dos blogers o que tentarei é que a tola da casa (a miña imaxinación) se evada por aquí compartindo con outra xente comentarios diversos. Así que se vos animades a participar na miña particular travesía, poderedes ver o meu rastro na auga, é máis, os do meu entorno seredes parte del, do ronsel das experiencias vividas e compartidas.
O certo é que escribo desconcertada, pensando en qué acabará este proxeto dalgúns dos meus pensamentos, este rastro do meu ser, pero coa ilusión de que me sirva para comunicarme, aprender doutros, das palabras que alguén se digne a escribir pero xa veremos o que da de si este barco.
Levo os dous meses de verán en Compostela e practicamente o último día decido deixar a miña pegada, quizais sexa porque teño gana de dicir moitas cousas, recoñecer o que aprendín da vida estes dous meses, que creo que non foi pouco, pois unha vaise dando conta de que está na fronteira entre unha etapa e outra e practicamente iso é a vida, emprender unha travesía, rematala e empezar outra, asi ata que o barco deixa de navegar.
Xullo e agosto para min foron unha nova experiencia, a de prácticas como redactora en Galicia Hoxe e como non moitos días de marea de dúbidas provocada polo medo de saír a flote, asumir máis responsabilidades...
Tamén aproveitei momentos para actualizar a conta do vivido, fixen balances de memoria nos que engadín máis valor a algunhas cousas, ás que antes non lle tiña tanto. Concretamente, un día camiñando por Basquiños, a rúa onde vivín o primeiro ano de carreira, unha morea de bos recordos inundaron a miña mente, feitos que nunca olvidarei e non quero esquecer. Naquel momento de camiñata parecíame que o tempo non pasara, que eu seguía en primeiro de carreira, pero as bágoas que visitaron as miñas fazulas, fixéronme lembrar que en dous anos as cousas cambiaron: unha ausencia importante (estas palabras van por ti alí onde queira que esteas), xente nova e que merece a pena, cambio de vivenda...son cousas que me custa expresar con palabras pero que en cuestión de segundos Basquiños me fixo sacar a flote.

En fin, creo que para ser un comentario de inauguración é suficiente, pero aínda dubido se abrir isto foi boa idea, verémolo co paso do tempo. Estas palabras son para os que me coñecen no día a día, os que están aí, os que estean seguros de embarcar...

Saudos!!