sábado, octubre 27, 2007

CON OUTRA COR NO HUMOR

As augas deste océano xa están máis calmadas e o meu humor cambiou de cor. A rabia minguou, anque sigo sen ter médico de cabeceira en Galicia. Si...así como sona, dunha forma tonta e por un malentendido fixen a tarxeta sanitaria de Castela e León e quedei sen a galega. Agora vanme asignar aquí un médico. Case me da algo cando me entero de que non pertenzo á sanidade galega. Foi coma unha xerra de auga fría porque pensei que o que me estaban facendo era unha tarxeta sanitaria de desprazada. Equivocárame e aquí tampouco se molestaron en explicarme que podía facer para facerme cunha tarxeta de desprazada e non cunha da comunidade.


Onte comencei un módulo novo no curso e tivemos cambio de profesor. Estamos dando comunicación interna, o que me resulta interesante, anque ás veces algún profesor fai que a clase sexa moi densa (as da tarde lévoas costa arriba!). As clases desta semana xa quedaron atrás.


Acabo de chegar de saír, pero iso si, non entrei na casa sen cambiar antes a hora. Ás tres da madrugada eran as dúas.

É curioso, pero antes de virme decateime de que era a única española do grupo. Estaba con dúas colombianas, dúas brasileiras, unha uruguaia e unha arxentina. Quen me ía dicir a min que me ía xuntar cun mapa de Latinoamérica. A verdade é que é moi enriquecedor , o meu vocabulario e a miña lista de expresións estanse agrandando. Xa estou empezando a asimilar palabras arxentinas como saco (xersei), puchos (cigarrillos), pollera (falda), campera (gabardina), boludo, pelotudo... expresións como ¿que hasés?, en lugar de ¿como estás? Tamén das colombianas como mesera (camarera), churro (que está de bo ver, tío bueno), baina (cousa), pernil (zanco), chévere... Alí para dicir que alguén é moi majo usan a expresión "es muy querido". Coma estas, moitas outras, que agora a miña memoria non logra xuntar, anque só é cuestión dun pouquiño máis de tempo para facelas máis "miñas" e lembralas.


Continuarei navegando noutros océanos á vez que me acostumo ao frío que empeza a aterrar en Salamanca.


No hay comentarios: