martes, octubre 23, 2007


Seis horas de autobús de Compostela a Salamanca cunden moito, sobre todo para pensar en mil e unha cousas ou sinxelamente durmir. A monotonía do traxecto provócame un sono case instantáneo. Durmo, esperto, volvo a durmir, volvo a espertar…así ata que canso e decido escoitar música ou a radio. En ler xa nin penso, porque me mareo coa mesma facilidade coa que aperto a Pedro Chosco.
Outra das miñas aficións neste traxecto é fixarme nalgúns dos outros pasaxeiros e imaxinarme como son as súas vidas. Pode resultar moi extraño, pero creo que é un bo exercicio para manter viva á tola da casa*, unha das miñas mellores compañeiras. Desta vez non me fixo tanta falta crear historias no aire, pois houbo alguén disposto a intercambiar a súa coa miña.

Mentres esperaba polo autobús na estación de Santiago, outro mozo facía o mesmo, parecía impaciente pola espera. Levaba algo semellante a unha maleta e unha bandoleira. Sentía curiosidade por saber qué contía, pois non era unha maleta coma calquera outra. Pronto ía sabelo sen facer preguntas, pois a impaciencia do mozo podía co meu querer saber máis e rompeu co silencio da espera.
- ¿Vas a Salamanca?
- Si, respondín.
O frío que sentía facía que o tempo pasase máis lento, pero apenas cruzamos esas palabras, o autobús chegou.
El non soltou a equipaxe nin para deixala no maleteiro e así deducín que aquela maleta contiña algo importante.
Foi nunha das paradas do traxecto cando souben o que coidaba con tanto mimo. Era un saxo. O seu amigo de viaxe- pensei-. Curioso, ¿certo? e máis aínda, cando me dixo que o mercara en París e que só levaba dous días con el. ¡Como para non coidalo!, díxenme a min mesma.
Notábase que lle gustaba o que facía e que no saxofón e na música estaba o seu futuro. Admiro que teña tan clara a súa meta e que vaia firme na súa procura. París foi tan só un paso no camiño. Alí, despois de probar varios saxos, atopou o que mellor ía co seu xeito de tocar. Atopou ao seu acompañante de melodías e dunha traxectoria da que xa ten moito andado, pois non é fácil estar tan seguro do que un quere ser.


* Rosa Montero na súa obra La loca de la casa, designa con este nome á imaxinación.

No hay comentarios: