lunes, octubre 29, 2007

"¡Claro que sí!", me aseguró la señora Collier, tiene algo. Es una adorable criatura.

"Una adorable criatura". Retratos. Truman Capote


Domingo foi tarde de cinema e libros. Cassandra´s dream a película escollida, con final característico de Woody Allen, o director (of course!). Retratos, de Truman Capote, o libro que decidín mercar na feira salmantina. Todo porque ao ver a portada (O autor acompañado de Marilyn Monroe) lembreime daquel relato lido na clase e recomendado por Neira Cruz en segundo de xornalismo. "Una adorable criatura", pensei. Ese era o título do capítulo no que Capote calcaba co seu puño o encontro coa actriz mito. Mirei o índice e...efectivamente alí estaba xunto ás "Observations" de Pablo Picasso, Coco Chanel e outros.
A verdade é que foi un último día de semana ben aproveitado e sempre está ben ter compañía. Polo menos para min, pois este tipo de cousas normalmente non as fago soa. É coma ter que comer fóra sen ninguén con quen falar. Fíxeno varias veces e foi por que non me quedou remedio. Síntome unha estraña.

Onte foi un día de estar na casa e hoxe, sen embargo o día escollido para coñecer a facultade de comunicación da Pontificia. Tiven que ir alí a buscar a miña tarxeta universitaria. Teñen moitas aulas de laboratorio (multimedia, edición, publicidade...). Pensei que ese sería o edificio no que realizaría o curso de experto, pero por sorte tocoume no principal, moito máis céntrico. Despois foi turno do inglés, levo tres sesións no Centro Británico, pois non quero perder as palabriñas que trouxen frescas de Dublín. Ademais gústame o profesor, que salado é, non sabe nada de español e iso dalle máis sabor ao asunto.

Agora veño de ver como un compañeiro sopraba as candeas. Cantámoslle o cumpreanos en versión española, colombiana, arxentina e tamén en brasileiro. Porque non o hai en neerlandés que se non tamén había quen llo cantase. A estancia alí foi breve, a xusta para degustar uns doces e brindar. Mañá toca madrugar porque Madrid espera. Será unha visita relámpago, por iso non avisei a familiares e amigos (tocará outra vez con máis tempo).

Chega o momento de despedirse tras despistar o sono e chamar á impaciencia da viaxe á capital.
Bicos de menta!

No hay comentarios: